Análisis, Compostimes, Política

Galicia vella (e II): o 80-20

As nosas soidades,
veñen de tan lonxe
como as horas do reloxio
Manuel Antonio, De catro a catro

No artigo anterior diriximos a mirada cara o envellecemento que vén de padecer Galicia nas últimas décadas e o puxemos en relación cos indicadores básicos europeos. Con todo, desta tentaremos ollar non tanto cara fóra e si no xeito no que está distribuída a poboación dentro do país.
Existe un dito máis ou menos espallado que se resume en que o 80% dos galegos reside no 20% do territorio. O que chamaremos como “80-20”.

Lembramos que un 75% da poboación galega vive nas provincias atlánticas, A Coruña e Pontevedra. E que o 25% restante, arredor de 700.000 persoas, atopámolo nas provincias de interior, Lugo e Ourense. Nos últimos dez anos, A Coruña percibiu un incremento demográfico de 38.000 persoas e Pontevedra sumou 42.000 cidadáns máis. Que non nos leve a engano: o aumento é moi pequeno, mais implica que o escaso crecemento rexistrado en Galicia dende o 2003, nomeadamente 56.000 habitantes segundo datos do IGE, é “chuchado” polas provincias debruzadas no Atlántico, posto que no mesmo período Lugo perdeu 11.000 habitantes e Ourense 12.000.

Dos 20 concellos máis poboados de Galicia, só 3 están fóra da franxa costeira atlantica.

Un exemplo acaído deste “80-20” aconteceu o pasado verán. Os problemas coas peaxes e retencións de tráfico na AP-9 –coñecida como a Autopista do Atlántico— levou a titulares coma este de Carlos Punzón, xornalista de La Voz de Galicia:  “O 44% dos galegos vive nos municipios atravesados pola AP-9”. Ou o que é o mesmo, Audasa comunica mediante o seu trazado a 1,2 millóns de galegos que viven en 38 dos 314 concellos existentes. A peza, ademais sinala: “Só os nove municipios máis interiores e máis afectados pola crise industrial de entre todos os veciños da AP-9 perderon poboación desde que se comezou a construír a infraestrutura (aló polo 2000)”.

Dos 20 concellos máis poboados de Galicia, só 3 están fóra da franxa costeira en cuestión. Dous se contamos a Compostela, Ames e Ponteareas, dos cales o máis afastado está a 40 quilómetros do mar. As dúas do interior son –adiviñan?—: Ourense e Lugo.

franja atlántica

Non só a balanza demográfica de Galicia bascula cara a súa parte máis occidental, senón que a dispersión –un dos nosos trazos diferenciais— é visiblemente máis notoria no interior. Vexan este mapa  das densidades de poboación dentro de eurrorexión Galicia-norte de Portugal. Semella que  aos veciños lusos lles acontece o mesmo.

image (2)

Polo tanto, é lóxico que as áreas con máis concentración de cidadáns estean localizadas na costa, como precisa estoutro mapa. E como se traduce a concentración de poboación en determinadas zonas? Frecuentemente, en que os concellos teñen máis facilidades para prestar determinados servizos públicos, por motivos varios –por exemplo: recadación fiscal a nivel local, núcleos de poboación menos espallados ou infraestruturas— e que propician a aparición de niveis administrativos supramunicipais. En Galicia temos dous destes chanzos: as mancomunidades e a área metropolitana de Vigo. No canto das primeiras, das 40 existentes, a meirande parte adícanse á recollida de lixo e outros servizos básicos. E algunhas, como o caso da Mancomunidade do Morrazo, acumulan débedas.

Namentres á beira do mar deseñan áreas metropolitanas, no leste a fotografía é en branco e negro

Pola contra, á area metropolitana de Vigo, “cunha densidade de poboación case tres veces superior á media provincia”, segundo á Xunta, abrangue 14 concellos e 480.000 habitantes, un 17% do total de galegos. O goberno autonómico tentou tecer unha rede arredor da cidade máis poboada de Galicia para “unha nova organización da estrutura administrativa local, que evite duplicidade e mellora a coordinación entre os entes existentes”. E quen gobernaría no chamado “Gran Vigo”? A lei 4/2012, que recolle o texto disposto en 2005 –non foi aprobado daquela pola disolución do Parlamento— , prevé a constitución dunha asemblea metropolitana encabezada por un presidente e dous vicepresidentes, ademais dunha comisión de cooperación. Un esqueleto administrativo que ofrece a dúbida de se se convertirá nunha “microdeputación dentro dunha deputación”.

Galicia_densidade_de_poboacion

Namentres á beira do mar deseñan áreas metropolitanas, no leste a fotografía é en branco e negro. O IGE publica acotío –e difunde na súa conta de Twitter— gráficas coma estas. Nelas, amosan a fractura demográfica interna. Un 80-20 non só cuantitativo, senón tamén cualitativo. En Lugo e Ourense son menos e máis vellos. Menos e máis espallados. Na fronteira oriental con Portugal, un de cada tres fogares está composto por persoas da terceira idade. O mesmo acontece nas zonas do Courel e Os Ancares, xunto coas comarcas de Sarria, Chantada e Lemos. O caso é tan extremo, que nos mesmos lugares, só un de cada dez fogares conta cun rapaz por debaixo dos 16 anos.

image (1)

O litoral do nordés, hai moitos fogares de idade elevada, mais a escaseza de rapaces non é tan extrema como no caso anterior. Unha vez máis, a saúde demográfica é para a provincia de Pontevedra. Entre un 15% e un 20% de fogares “vellos” e un 30% (de media) de familias con mozos.

image

Os problemas de despoboamento de Galicia son compartidos se ollamos cara algúns países de Europa. Porén, hai un desequilibrio endóxeno que condena á metade do territorio á irrelevancia e ao abandono. Que Galicia cae cara o mar sábeno xeógrafos e poetas. Mais cómpren algo máis que análises para que este 80-20 acabe mudando, polo menos, nun 60-40.

Anuncios
Estándar

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s