Compostimes, Entrevistas, Política

Gómez Besteiro: “O PSdeG voltará”

As terrazas da Praza Maior de Ourense mudan dos cafés da mañá aos tintos do mediodía. Xosé Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) percorre en diagonal o escenario da cita vestido de mitin de fin de semana (camisa branca, americana azul e vaqueiros). Estamos diante dun home robusto con voz de locutor radiofónico, actualmente presidente da Deputación de Lugo e candidato ás primarias do Partido dos Socialistas de Galicia PSdeG-PSOE. Un apertón forte de mans e desculpas polo leve retraso. Xa no saúdo busca levar a iniciativa, transmite confianza e a lección sabida antes do exame de setembro. Incisivo e categórico, accede a respostar ás nosas preguntas: 

IMG-20130726-WA001

AS PRIMARIAS

Xa lle dou os parabéns pola secretaria xeral…

Pois fas mal. Queda moito camiño por percorrer aínda. Estamos a medio camiño na recollida de avais e eu non creo que o traballo este feito.

Caramba! Vén con discurso ben aprendido.

Non, pero é verdade.

Tamén é verdade que parece que é o único candidato.

Bueno, hai outro compañeiro (Manuel Vázquez,  alcalde da illa de Arousa) que tamén está no proceso de recollida de avais. Eu non son de poñer os bois antes que o carro.

Moito lle custou ao PSOE en Ferraz dar luz verde á posta en marcha das Primarias. Que valoración faría diso?

Valoro moi positivamente que o partido federal permitira esta experiencia, que eu creo que vai ser boa. É verdade que no Congreso Federal de fai un ano e medio non estaba aprobada esta fórmula e por iso tamén precisa imaxinación e vontade do partido a nivel federal. Nese apartado, eu creo tamén que hai que estarlles agradecidos de que non aplicaran “o rodillo” para que os militantes galegos puidesen ter esta experiencia positiva.

Imos facer un exercicio mental: vostede é o único candidato como parece, insisto no de parece, e resulta elixido pola militancia cunha cifras de participación do 30%. Como de lexitimado sairía vostede dese proceso? Igual que se houbese un 70% de participación?

Totalmente. Eu creo que o proceso xa está lexitimado no momento no que o militante ten liberdade.

Pero non pensa que podería ser perigoso para a imaxe do partido, amosando que as bases están desvinculadas do proxecto?

Beneficioso e perigoso pode ser todo. Eu poño un exemplo: o referendo polo Estatuto de Autonomía tivo unhas cotas de participación baixas. Se esa consulta fose dez anos despois, esas cotas serían o dobre. Neste momento, o esencial é que existan os mecanismos de liberdade para que o militante poida decidir, e despois, el decidirá se se compromete ou non con este proceso. Non hai variacións. É como o que pregunta se este proceso sería mellor con máis candidatos. Eu creo que sempre habería vantaxes e desvantaxes das primarias. O que hai que facer é que flúa a liberdade. O verdadeiramente bo deste proceso é que a voz é do militante, e pode empregala para falar alto e claro ou para non participar.

E por que cre que lle costa tanto a Ferraz deixar que se exerza esa liberdade?

Eu non creo que sexa un problema de Ferraz.

Pero si é certo que Pachi Vázquez atopou obstáculos para levar a cabo as primarias.

É que hai que partir dunha realidade legal e os estatutos do partido aprobados en Sevilla non estabelecían esa fórmula. Por tanto, torcer esa legalidade estatutaria require dunha vontade compartida polas dúas partes. Non creo que a executiva federal pense que é un problema que os militantes falen. Ademáis, creo que é un proceso que se vai facer extensible en todo o territorio. Será bo e dentro dun anos veremos se esa fórmula é a mellor ou non. O que toca neste momento é que os militantes decidan. E que empece por Galicia tamén é bo, por outra parte porque o resto de federacións do partido teñen pechados os seus congresos.

Non creo que as primarias sexan un problema de Ferraz

O outro día escribía Jiménez Losantos  en ELMUNDO que as primarias eran “o único aproveitable do PSOE”…

(sorrí distendido) Eu nunca leo a Jiménez Losantos. Curiosamente, eu sempre actúo contrariamente ao que diga Jiménez Losantos e lamento nesta ocasión coincidir con el no positivo das primarias. Pero non é o único bo invento do Partido Socialista. O que digo é que os outros partidos  deben probar esta fórmula. Ás veces, aos militantes do PP lles digo que tamén teñen escoller aos seus líderes. E aos compañeiros do Bloque Nacionalista Galego e Esquerda Unida. Penso que o Partido Socialista está a demostrar unha vez máis que é o Partido da vangarda e que non ten medo a equivocarse.

IMG-20130726-WA010

PACHI VÁZQUEZ

Pachi Vázquez decidiu nos últimos días retirarse da carreira pola secretaría xeral. Que balance faría da súa xestión?

Eu creo que tomou unha decisión baseada na lealdade e na responsabilidade co partido. Tocoulle un tempo difícil e complicado que vén marcado pola saída do goberno do PSOE en Madrid e momentos difíciles de crise económica e política. Agora el decidiu afrontar unha nova fase no PSdeG desde unha posición distinta.

Non está falado quen vai ser o voceiro parlamentario

Debeu facerse a un lado despois das eleccións autonómicas?

Eu, como candidato, non fago valoracións sobre un candidato referentes ao que debeu facer. Puido tomar decisións, oportunas o desafortunadas, pero eu non lle deixo de recoñecer que liderou a formación nun momento moi difícil.

E está máis tranquilo sabendo que Pachi Vázquez non vai acceder a presentarse como candidato e que a priori  o sitúan como virtual secretario xeral do PSdeG?

Xa veremos. Este proceso caracterízase porque a liberdade do militante non ten límite. Son unha persoa respectuosa e non me gusta menosprezar a ninguén. E honestamente, nunca me preocupou quen puidera competir neste proceso. Eu tomei a miña decisión fai seis meses e non estaba condicionada ao número de candidatos. E quen non quixera presentarse non pode dicir que non podía.

APOIOS: CAAMAÑO E PEPE BLANCO.

Digamos que a teoría xa a temos bastante clara pero as cousas dentro das formacións políticas adoitan ser máis complexas e alguén que aspira a ser secretario xeral dun partido ten que contar cunha serie de apoios importantes. José Precedo firmou hai uns días unha información no diario ELPAÍS na que se afirmaba que nunha conversa no aeroporto de Santiago acadou o apoio de Francisco Caamaño, exministro de Xustiza, neste proceso. Que hai de certo nisto?

Caamaño dixo explicitamente xa que se sentía identificado co meu proxecto e eu sempre agradezo todos os apoios que poida ter.

E vostede non tivo nada que ver na postura de Caamaño?

Non, eu sempre me manifestei de forma clara. Este é un proxecto que ten que sumar. Caamaño ten que sumar e moitos militantes teñen que sumar. Máis alá de determinados apoios que poidan existir nos medios de comunicación por acentuar a súa presenza nos mesmos aquí o grandioso deste proceso é que o voto individual de tódolos militantes teñen o mesmo valor.  Por iso hai que dirixirse a todos e non a militantes aparentemente cualificados.

Polo tanto, é falso que lle ofrecera a Caamaño ser voceiro parlamentario para obter o seu beneplácito?

Non está na folla de ruta. Non hai ningunha condición sobre ese tema. Se a pregunta é que Francisco Caamaño me ofreceu  seu apoio en base a que eu lle prometín ser o voceiro parlamentario é falso. Por tanto, iso non está na folla de ruta do futuro.

Queda desmentido totalmente? Podo ter a constancia de que Francisco Caamaño non será voceiro parlamentario o día de mañá?

Non é cuestión de desmentir, hai 18 deputados e non está falado quen vai ser o voceiro. Podes ter as constancias que queiras.

Por suposto.

A día de hoxe pregúntasme se hai un compromiso con Caamaño para que sexa voceiro eu dígoche que non. Eso non significa que non o poida ser. Hai 18 deputados e a nova dirección terá que explorar cal será o elixido.

Falamos de Caamaño. Falamos de Blanco. Volveu a primeira liña informativa despois do arquivo do seu caso polo Tribunal Supremo.

Do cal estou moi contento, por el, pola familia e polo partido. Vai facer reflexionar moitísimo a xente que fixo xuízos paralelos e públicos. Penso que é unha boa nova para todos.

A nosa tarefa é coordinar todas as correntes se hai lealdade

Eu creo que a sociedade en xeral ten a percepción de que valoracións encol dos procesos xudiciais e a presunción de inocencia son cambiantes para os partidos en función de quen estea afectado neles. Vostede que pensa?

Eu vouche falar por min. Non podo falar por todo o mundo. En catro anos ninguén poderá atopar anos nas hemerotecas de ningún medio que eu fixera un discurso distinto do da presunción de inocencia. Paréceme que é fundamental porque nós tamén temos que facer unha labor didáctica de cara a sociedade. A presunción de inocencia é un dereito constitucional recoñecido para un político, un xornalista, un tendeiro ou un xubilado. Eu creo nese dereito e as miñas manifestacións foron sempre respectando a presunción, fora do PP, do BNG ou de Esquerda Unida. Temos que aprender a lección.

IMG-20130726-WA005

O PSdeG, UN RÍO DE MOITAS CORRENTES.

Agora está a pulsar os ánimos das bases. Nunha peza publicada aquí, reflectín que nunha reunión da corrente NPSG en Compostela a militancia foi moi crítica coa dirección e amosou o seu descontento co rumbo do partido. Mudaron as tornas ou todo segue igual?

Despois de percorrer 6000 quilómetros nos últimos catro meses por toda Galicia tiven a posibilidade de falar con moitos militantes, tamén desa mesma corrente. Eu falei con todo  o mundo e todo o mundo quere falar comigo tamén. Penso que non hai unha distancia tan grande que non se poida vencer. Neste partido hai moitísimas máis cousas que non unen que viceversa. Por iso debemos formar un proxecto moi unido baseado na rexeneración democrática e na renovación, porque é o momento. Pero penso que as diferenzas non son tan notables como para non compartir un proxecto común.

Non comparto a deriva soberanista do PSC

Se as diferenzas non son tan notables si é verdade que existen moitas correntes dentro do Partido dos Socialistas de Galicia.

Correntes como tal hai poucas, teñen que ser recoñecidas pola executiva federal. Hai compañeiros artellados sobre unha forma de pensar, pero non creo que sexa algo malo.  A grandeza deste partido é que admite unha pluralidade de sensibilidades dentro del. Iso non acontece nin no PP nin no Bloque nin en Esquerda Unida. A nosa tarefa é coordinar todo iso. É o novo dirixente, xunto coa nova executiva, os que terán que decidir o que aconteza con eses grupos. Non digo que muden, está ben que existan e que sigan achegando ideas sempre e cando exista unha relación de lealdade.

GALEGUISMO PARA EXPORTAR

Moitos deses proxectos, xa non correntes por ser nominalmente correctos, apostan polo galeguismo no PSdeG. Que opina?

A min paréceme ben, cando falo dun partido máis galego digo que temos que interiorizar que a sociedade non nos ve que defendamos os intereses de Galicia, como poden ser outros partidos. Cando lle preguntas á xente se os socialistas defenden a educación e a sanidade pública din que si e cando lle preguntas se defenden os intereses galegos semella que dubidan, polo menos non son tan rotundos como cando falas doutro tema. Debemos actuar baixo o principio de nosa propia tutela pero compartindo o proxecto federal. Non somos unha federación de partidos, somos un partido federal. Facer de ser galego un valor sen complexos ten que ser útil para situar os problemas de Galicia na axenda federal. O problema demográfico, por exemplo, de Lugo e Ourense tamén é de Teruel, Zamora ou Guadalajara. Temos que convencer á executiva federal de que os nosos problemas tamén son seus.

Galeguismo e socialismo. Non semella un pouco a Compromiso por Galicia?

É o que sinto eu. Non teño por que negar se hai algún punto de coincidencia con outras forzas de esquerda. Digo que o PSdeG si ten que ser máis galeguista e debemos ser capaces de situar a nosa axenda máis alá de Pedrafita. Outros partidos sitúan ese galeguismo só de portas cara dentro. Nós temos que exportar iso ao proxecto federal.

E non pensa que maiores cotas de autogoberno axudarían a resolver problemas propios que só atinxen a Galicia? Vostede falaba do problema demográfico de Ourense e Teruel pero problemas como o naval e a fusión das caixas galegas non existen en zonas como A Rioxa o Murcia.

Por exemplo, a verdadeira reforma agraria está por facer. Pero iso depende tamén do goberno central e de Europa. A PAC estase a discutir agora, como a participación de Galicia nos orzamentos do Estado. Hai moitas cousas que, efectivamente só son galegas, pero outras non. Por iso temos que ser capaces de exportar e influir en Madrid e en Europa. Non serve escudarse en que somos unha comunidade histórica.

Non lle gustaría, entón, un PSdeG como o PSC?

Non, non ten nada que ver. Creo que o PSC está a seguir unha deriva case soberanista que eu non comparto. Insisto moito nas miñas palabras. O PSdeG debe ser autónomo pero ten que compartir un proxecto federal, cousa que non di o PSC. As derivas case nacionalistas penso que son un erro estratéxico por parte do PSC. Pasou de ser un partido municipalista a variar ata o día de hoxe. O peor que pode pasar nestas cuestións é que a xente pense que non somos previsibles, que non sabe que vamos facer o día de mañá se somos elixidos.

CONTABILIDADE B

Estes últimos días saían informacións que apuntaban a doazóns ilegais dentro do PP galego. Que valoración fai disto?

As rexeito totalmente.

Ve necesaria a comparecencia de Feijóo este verán no Parlamento de Galicia?

Totalmente. Ten que dar explicacións. Un presidente non se pode amparar na maioría absoluta para non dar explicacións. O cidadán ten dereito a saber se o partido que o goberna se financiou ilegalmente.

Que pasaría cun Bárcenas no PSOE?

Pois aplicar a lei totalmente. Iso hai que erradicalo. E ata onde eu sei non existe.

NOVOS POLÍTICOS, NOVOS VOTANTES

Ten 45 anos e falaba de rexeneración democrática. Pertence a unha xeración de políticos como Arantza Quiroga e Iñaki Oyarzábal no PP vasco, Madina no PSOE ou Iolanda Díaz en Esquerda Unida. Que ten que dicir esta xeración á sociedade diferente da que está a sair?

Non sei se estamos ante unha segunda transición pero estamos ante tempos distintos. A Transición serviu para que medrara unha xeración baixo o Estado do Benestar e que agora temen ao futuro. Os pais pensan que os seus fillos vivirán peor ca eles. Son tempos de compromiso tamén. Porque a xente pide dereito a participar pero esquece o seu deber no sistema.

Rematamos. Que lle diría a un mozo que pensa que as políticas do PSOE e do PP son as mesmas?

Dígolle que o PSdeG e o PSOE voltarán.

Anuncios
Estándar

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s