Compostimes, Entrevistas, Política

Manoel Carrete: “Se a consulta fose mañá en Catalunya, gañaría o ‘Non”

“Por aí non é, neno”. Cando un chega ao Centro Galego de Barcelona ten unha certa sensación de que xa estivera antes. Mentres agardamos polo presidente, Manoel Carrete, fago unha revisión rápida da biblioteca: Celso Emilio, Del Riego, Casares, Blanco Amor ou Castelao, como non.  Carrete lévanos ao seu despacho, un recuncho solemne de madeira salferido de medallas institucionais, fotografías de Rosalía, imaxes relixiosas e o escudo das sete cruces trala cadeira presidencial. A xulgar polo ambiente, semella que nos atopamos nun sancta sanctorum da ranciedume, algo ao que o noso entrevistado accede con afabilidade a respostar despois de lidar con non poucas polémicas neste sentido. Non estamos ante un presidente prototípico, Carrete foxe da etiqueta e preséntase en vaqueiros e barba de dous días. Na Catalunya de hoxe, fervedoiro político e social, é imposible obviar os temas que están na primeira liña de actualidade para que, paseniñamente, este historiador e avogado achegue as súas perspectivas do que está a acontecer.

SONY DSC

Que é o Centro Galego de Barcelona?

Unha asociación recreativa e cultural fundada no ano 1892. Esas dúas funcións están equiparadas, ningunha supera á outra.

Gustaríame que nos explicara un pouco como é o perfil do socio do Centro Galego.

Resposta galega: como en Galicia. A pirámide de poboación é invertida. Significa que hai máis de sesenta e cinco a oitenta que de cero a dez.

Cantos socios ten o Centro?

Actualmente hai como uns mil setecentos en total. Hai socios que pagan só seis euros, hai outros que pagan unha cota reducida porque están no paro ou cobran unha pensión non contributiva, hai socios de cota íntegra, hai socios de cotas familiares, hai socios patronos, hai socios de honra. Hai de todo.

E cantos por baixo dos trinta anos?

(matina) Poucos… como socios de cota íntegra. Hai familias nas que o pai paga a cota e os fillos pagan unha cantidade reducida. Pero pasa en tódalas entidades.

Menos de 100?

Si, menos de 100.

Vostede di que o Centro Galego é unha representación de Galicia mesma en canto ao avellentamento da súa poboación. Pero o Centro Galego está en Barcelona…

Pero hai que mirar o sitio da cidade onde están situadas as entidades galegas. Se miras a última xeración de emigrantes en Galicia dache moitos novos. Por exemplo, a Casa Galega de Hospitalet ten moitos socios novos pero poucos de cincuenta anos porque a súa entidade non os ten. A nosa entidade, fáloche do ano 37, tiña a mesma masa social que ten agora. Agora estamos vendo novos fluxos migratorios con novos perfiles, maioritariamente, xente nova e preparada. Son persoas que buscan actividades como presentación de libros ou o CELGA (título lingüístico de galego).

Non cre que o Centro se adica exclusivamente a actividades folclóricas e deixa de lado outro tipo de actividades de importancia para Galicia e os emigrantes galegos en Barcelona?

Iso é dende o punto de vista recreativo. En tempos chegamos a ter un colexio pero non podemos competir cos servizos que ofrecen algúns centros en Latinoamérica, como servizos de asistencia médica.

Dígame as actividades fixas que ten o Centro.

Presentación de libros cada mes, unha revista anual en galego, de feito declarámonos como galeguistas…

Cada un no seu contexto, galeguistas ao estilo da Xeración Nós ou das Irmandades da Fala ou galeguista como di o presidente Feijóo?

O bibliotecario da entidade era membro da Xeración Nós, Augusto Casas, irmán de Álvaro de las Casas.

Si, pero resposte á pregunta.

Nós somos galeguistas de toda a vida. O Centro Galego é galeguista dende o ano en que se fundou. Nós tivemos socios membros da Xeración Nós, como Otero Pedrayo.

E na actualidade?

Manteño todo como estaba. (Titubea) Eu como presidente non dou respostas a preguntas políticas. Eu non vou opinar nada sobre presidentes anteriores. Nós somos galeguistas, non por Partido Galeguista, senón na idea de defensores de Galicia.

Iso parece unha evidencia pero eu lle pregunto: hoxe, galeguistas en que sentido?

Cultural. A lingua galega é a lingua única do Centro Galego.

É dicir, galeguismo piñeirista?

Non temos a mesa camilla de Ramón Piñeiro pero si. Basilio Álvarez e Ramón Piñeiro tiveron unha intensa actividade no Centro en prol de Galicia, como puido ser Ferrín e o grupo Brais Pinto en Madrid. En tempos, o grupo Brais Pinto en Madrid, O Galo en Compostela, as Mocidades Galeguistas e o Centro foron os que máis actividade tiveron neste sentido.

E o Centro como institución, asume a nacionalidade (non a nacionalidade histórica presente no Estatuto) de Galicia dentro do Estado español?

Xa o di o Estatuto.

O Estatuto fala de nacionalidade histórica sen efectos xurídicos prácticos.

Como presidente do Centro non me meto en temas políticos. Como Manoel Carrete, Galicia é unha nación. E non o digo eu. Historicamente? Si! Temos unha lingua común, unha cultura común e un territorio común. Hai constitucionalistas que tamén o din. Todo o mundo o di.

Todo o mundo, todo o mundo…

Nesta casa sempre foi así. Vouche dicir un libro que publicou o Centro Galego o 25 de xullo de 1935: Ante el estatuto. Unificación y diversificación de las nacionalidades. É de Portela Valladares, que era ministro de Gobernación e do Partido de Centro, non precisamente nacionalista. Frase de Castelao: “tería que ser o presidente da Xunta de Galicia”. Esta frase aparece nunha carta de Castelao a Ramón Otero Pedraio. Ese é o meu concepto. Como presidente teño que asumir aos meus clásicos. O meu clásico é Portela Valladares.

SONY DSC

©VM

Polo tanto, vostede asume que a súa posición política persoal inflúe no seu mandato como presidente do Centro.

Si.

Historicamente? Galicia é unha nación e non o digo eu

Entón non cre que a resposta anterior referente a que o presidente do Centro Galego non se mete en temas políticos pode quedar agora en contradición?

É que non me meto en temas políticos. Eu sei o que fago. O día da Patria Galega celébrase aquí cunha homenaxe a Castelao (perante o busto da entrada ao local) porque tamén sabemos o que costou traer o busto dende Rianxo. O día do xuízo sumarísimo de Burgos, o Centro estaba en Rianxo defendendo aos exiliados galegos. O que fixeron antes é o que manteño eu. E xa está.

En que quedamos?

Como persoa non me podo abstraer do mundo. O que non fago son consignas a favor duns ou doutros. Vostede pregunta se teño conciencia de nación eu digo que si. A posición do centro non é nacionalista, é de defensa da lingua e cultura galegas. Eu non podo facer máis ca eso, porque se non deixaría de ser o Centro Galego para ser outra cousa.

Se fose máis aló nas súas consideracións como presidente…?

(Interrumpe) Marcharía da presidencia. Eu en ningún caso puxen mala cara a ninguén. Aquí viñeron UGT e CCOO e acepteino porque a a entidade non é miña, é de todo o mundo. Eu respecto as opinións de todo o mundo.

Ten editorial de seu o Centro Galego?

Non, pero nos últimos dous anos realizamos catro publicacións. A nosa revista (Alborada) cumpre este ano 65 anos. É a revista en lingua galega máis antiga de España. Este ano sacamos un libro en galego e en catalán: Barcos cataláns na península do Barbanza no século XVIII e Máis ca nós ninguén: segunda fase.

Alborada (revista do Centro) é a máis antiga de España en lingua galega

Acollen a universitarios galegos dentro das súas actividades?

Si, firmamos dous convenios. Un coa Universidade de Salamanca dunha persoa galega para facer un estudo sobre a poboación, co Consello da Cultura Galega, coa Associació Catalana d’Escriptors e coa Universidade Autónoma de Barcelona. Estamos abertos sempre a todo.

Ben, vostede leva dous anos na presidencia do Centro Galego. O seu predecesor era o señor Xosé Méndez López. Que pasou coa saída deste?

El era cabeza dunha nova Xunta Directiva e como tal, convoca eleccións onde se presenta de novo. Preséntome eu e perderon.

Hai unha peza no diario El País chamada “Miedo al cambio en Barcelona” do día 12 de xaneiro de 2009, firmada por Marcos Doespiritusanto, na que se di que o Centro é escéptico aos cambios e relata unha confrontación de ideoloxías entre socios e directiva.

Lin esa peza, si. Hai outra publicada, en resposta, cinco días despois en Cartas al Director. Primeiro, eles (pola directiva de Méndez) non gañaron unhas eleccións. Tiñan que presentar unha candidatura se querían gobernar o Centro Galego e non foi así. Foi por dimisión do anterior presidente. Aínda que os Estatutos poñen que en caso de dimisión do presidente debe asumir o mando o vicepresidente, neste caso non foi así. Nomeouse o último voceiro, que era Xosé Méndez, sen convocar eleccións. Ademais ocorría que esta directiva tiña outros cargos noutras entidades, algo incompatible coa presidencia segundo os Estatutos do Centro.

Pero a polémica non puido vir tamén porque o Centro comezou a acoller outras sensibilidades menos proclives antes, como o caso de Nunca Máis en Catalunya?

Que va! Cando saíu, a sede de Nunca Máis Catalunya era o Centro Galego. Iso non é certo. De aquí saiu Nunca Máis, Empresarios Galegos Saíron moitas entidades. Aquí sempre deixamos as portas abertas a calquera. E, repito, eran incompatibles os cargos da anterior directiva coa presidencia por mor de que os cartos de aquí puideran ir cara outra entidade.

SONY DSC

©VM

Hai máis entidades galegas en Barcelona?

Hai tres máis: Cova da serpe, Toxos e xestas e a Agrupación cultural galega Saudade en Barcelona capital.

E colaboran unhas con outras?

Si, con eventos como festivais para a xuventude pero cada entidade ten un perfil de socio distinto.

E que perfil de socio teñen as outras entidades?

Por exemplo, Toxos e Xestas é unha formación exclusivamente folclórica e Nunca Máis naceu froito dun movemento social co Prestige. Nós nunca lle pechamos ás portas a ninguén. De feito, hai unha biblioteca aberta a todo o mundo que se mantén grazas aos socios, sen subvencións.

Non percibe ningunha axuda pública?

Da Generalitat de Catalunya cero.

Da Xunta?

Da secretaría de Emigración, como todas as entidades relacionadas.

De Cultura non?

Non.

De Política Lingüística tampouco?

De Política Lingüística percibimos servizos. Este ano recibimos servizos á hora de normativizar textos porque eu non teño que extralimitarme das miñas funcións como presidente. Eu non teño a obriga de corrixir unha revista de cen páxinas.

Alguén de Emigración descolga o teléfono para controlar en que se empregan os fondos públicos que se lle dan ao Centro?

Si, eu teño que xustificar o emprego desas subvencións e cumprir cuns parámetros e eles tamén pasan supervisión. Somos unha entidade de clara utilidade pública, e está todo o que gastamos no Rexistro da Generalitat de Catalunya. Somos a única entidade galega que presenta contas anuais. Ningunha máis.

E esas contas non se remiten á Xunta de Galicia?

Respecto á Xunta de Galicia, coa nova Lei da Galeguidade que se presentou este ano, todas as entidades téñenas que presentar.

Que contactos que pode ter o Centro Galego co empresariado galego de Catalunya?

Ningún.

©VM

O centro galego non presta ningún tipo de apoio aos empresarios que queira iniciar a súa actividade aquí?

Non. Non é a miña tarefa. Outra cousa é o empresariado galego e outra as asociacións de empresarios galegos.

Eu dixen empresariado galego.

Hai socios empresarios que colaboran coa entidade pero as cousas que se fan son públicas.

En que medida colabora o Centro?

Eles non me piden nada. Son pequenas cousas esporádicas e persoais con pequenas empresas de aquí. Por exemplo, este ano, colaboramos con Sargadelos na revista.

É dicir, o Centro Galego non está a servir de nexo de unión nas relacións económicas entre Galicia en Catalunya?

Si, pero son cousas distintas. Temos acordos, por exemplo, coa Universidade de Santiago de Compostela e cando editoriais queren vir aquí a presentar algunha cousa, nós axudamos dentro dos nosos recursos. Pero nós temos unha vocación cultural, non é o caso de Montevideo ou México onde hai unha agrupación de empresarios que ten ligazóns moi fortes con asociacións culturais. No meu caso, teño que dicir que non.

 

NO PERSOAL

Que está a pasar a día de hoxe en Catalunya?

Hai un movemento social hoxe que é claro. Estamos nunha crise mundial pero que se aprecia moito máis en Catalunya. Vese que a xente está parada, que as pensións non suben o que deberían subir, as preferentes, desapareceron as caixas. É unha situación diferente que fai catro anos cando estaba a anterior xunta directiva aquí? Si, é diferente. Cambiou o mundo. Ninguén podía pensar no peche do Goberno de Estados Unidos fai catro anos, nin nos niveles de paro da actualidade. É palpable o movemento social que sae ás rúas aquí, en Galicia, en Baleares co tema da educación… Mudou a situación das persoas, das familias, dos pobos… A xente ten dereito a estar enfadada. Mellor, ten a obriga.

Vostede non é dos da “maioría silenciosa” de Soraya Sáenz de Santamaría, logo.

Eu non emprego as palabras de ninguén, emprego as miñas. Como historiador digo que hai un movemento social. En Arxentina, cando a época do corralito a xente botouse ás rúas porque non podían recuperar os seus cartos.

Vincula o auxe do independentismo en Catalunya á situación económica?

Son cousas distintas. O sistema eleitoral de hoxe beneficia por circunscricións. Hai tres que saen beneficiadas co reparto eleitoral que hai coa lei d´Hondt, e son Tarragona, Lleida e Girona e teñen unha asignación de deputados que co sistema eleitoral francés dunha persoa un voto non terían. Iso primeiro. Segundo, nos últimos comicios a xente que estaba cabreada e o partido do goberno que as convocou (CiU) perdeu deputados. Polo tanto, a xente que está cabreada non vota ao nacionalismo, vota a outro partido, neste caso á CUP. A CUP é nacionalista pero o que lle pide a xente aos políticos é responsabilidade que non se ve en moitos casos, dá igual que sexa ou non nacionalista.

Cre vostede que o nacionalismo galego se pode ver no espello do que ocorre en Catalunya? Estamos ante situacións semellantes?

(Contundente) Non! Estamos a anos luz. Galicia está a nos luz. Dicía Ramón Piñeiro e moita xente do Partido Socialista, do BNG e de Anova que en Galicia faltan outros partidos nacionalistas.

©VM

Faltan partidos ao estilo do PNV ou CiU en Galicia?

Sí. Está Compromiso por Galicia pero fáltalle un “U”. De Unión. Quen está en Compromiso por Galicia? Non está un señor que se chama  Rafael Cuíña antigo militante do PP? Cabe todo o mundo e paréceme ben. Eu sempre digo unha frase cando falo en público: “o galego ten que estar en todo, en tódolos sitios. Se eu vou a un supermercado os carteis teñen que estar en galego, se vou a misa ten que ser en galego, se non, non vou!”

E se a maoría de socios lle escoitaran dicir isto?

Non pasaría nada. Sempre o digo na emisora de radio na que participo. A xente sabe o que eu penso políticamente. Non calo o que penso.

O nacionalismo catalán non é como o galego

E esas declaracións súas ao diario El Mundona que afirma que “os galegos chegamos a Catalunya no ano 1380”? Que quixo dicir con iso?

É que é así, non quixen dicir nada. A frase viña por Antonio Villarroel e eu díxenlle que os galegos estabamos xa antes aquí. Eu en Catalunya son como o primeiro dos cataláns, nacín en Catalunya, en Hospitalet de Llobregat. A min paréceme ben que fagan campaña para acadar os seus obxectivos políticos, pero non me gusta que empreguen o xentilicio “galego” coma se foramos un partido político. Eu respostei entón a nivel persoal, non como presidente do Centro Galego. Non me dá a gana de que me veñan facer política á entidade. A Generalitat de Catalunya non nos deu nada.

Está cabreado coa Generalitat?

Non, eu respecto as institucións de Catalunya. Estou cabreado cos políticos. O Centro Galego fai cultura popular, non somos a RAG. Pois sacáronnos de Cultura Popular e metéronnos en Gobernación. Iso pasaba na época de Franco. Eu síntome mal por estar estigmatizado. Eu non teño nada con ninguén da Generalitat nin co seu representante que ven por aquí, estou molesto coa estigmatización que fan de nós. Eu dixen que non quería estar dentro da agrupacións “Casas Rexionais” porque a entidade non é unha Casa Rexional. Como presidente, dígoche que somos unha Casa Nacional.

Se tivera dereito a voto en Barcelona cal sería o seu nunha consulta pola independencia de Catalunya?

Como non teño dereito a voto xa non me sitúo en hipóteses que non se van dar (ri). Eu mudei o meu nome á forma galega, Manoel, cando tiña dezaseis anos. O meu sentimento é galego. Non podo opinar daquelo que non teño dereito.

E unha quiniela do resultado en caso de facerse?

Non che podo contestar.

Non sabe porque un historiador e avogado coma vostede non se quere mollar; ou por ignorancia dalguén que se lle presupón un coñecemento importante da realidade catalana?

(Dubida). Hai moitos condicionantes. Dunha semana a outra pode cambiar todo. Se cambia a situación económica e a conxuntura en xeral podería mudar outra vez esta realidade.

E se fose mañá?

Eu creo que non. Douche datos. Bellvitge é unha barrio de Hospitalet de Llobregat e foron catrocentas persoas á Vía Catalana, podemos tomar como mostra esa cantidade de persoas? Mollet, son 53000 persoas, fretaron sete autobuses, é dicir, 420 persoas. Pódoche dar un estudo poboación por poboación. Ademais, hai inmigrantes que chegaron hai pouco e non están integrados, non se senten parte da sociedade. Non quero quedar de xenófobo, nada máis lonxe do que penso.

É o nacionalismo catalán excluínte?

Non é como o galego. Non se asemellan en nada. Coñezo os dous ben. Josu Jon Imaz, Quintana, Artur Mas e Duran i Lleida dicían que si ao Estatut. Beiras ou Carod Rovira dicían que non. Son todos nacionalistas? Si. Pensan o mesmo? Non.

Está a ser o Estado español demasiado inflexible con temas como o recurso ao Tribunal Constitucional do Estatut?

Vouche respostar como catalán: Catalunya debería ser máis flexible respecto ao tema do financiamento. Ten que selo. Tamén creo que España debeulle dar un concerto a Catalunya un trato como o navarro e o vasco. Catalunya é unha nación como pode ser Galicia e iso significa que se poidan abrir novas vías. Non me refiro ao Estado federal porque xa temos un. A solución que atopo é o financiamento como o cupo navarro: pagan servizos a España e se financian por eles mesmos. Isto é insolidario e Galicia sae perxudicada. A Constitución tamén pode ser reformada, como no apartado do Senado. Hai comunidades autónomas que están a devolver competencias ao Goberno Central porque non as poden asumir. Non creo no café para todos. Aínda así, creo que a tendencia nos anos seguintes o mundo coñecerá as cidades antes que os pobos. Galicia exportou unha palabra, a propia Galicia, pola que se lle recoñece en todo o panorama internacional. O século XXI será a época das cidades.

 Falemos da UE. Fracasou nos seus obxectivos?

Non, eu creo que non. Pero teño algunhas preocupacións. Preocúpanme as desigualdades entre os países do Norte e do Sur, as elevadas taxas de paro, os fluxos migratorios. Vou dicir unha cousa que queda mal: eu son de plans quinquenais. Non á semellanza do modelo comunista, non. Pero son partidario de traballar a longo prazo. O que non pode ser é que cada catro anos un goberno deixe as cousas por riba da mesa para que o que chegue as comece a cambiar. Por exemplo, con políticas migratorias efectivas en Galicia para evitar o avellentamento e marcha de moitos galegos.

O século XXI será a época das cidades

Para rematar, e como non, Galicia. Cales son os problemas máis importantes de Galicia no noso tempo?

A pérdida de poboación. A poboación de Lugo e Ourense desaparecerá en 50 anos. É a realidade. Pódolle dicir que en Lobios escolleuse un alcalde dende Andorra, e iso preocúpame.

Hai futuro no rural ou ve futuro no rural?

Son dúas preguntas diferentes e complicadas. Resposto que non ás dúas. Non ten servizos, sen Internet, con servizos sanitarios precarios…

E un rural máis moderno?

Pero que pasa cos lácteos e UE, por exemplo? A min eso preocúpame. Preocúpame esa Galica terrenal. Galicia tivo os cartos que se enviaron dende Europa e non fixo as melloras necesarias no sistema. Está claro. É culpa de todos, miña a primeira. Ademais, o despoboamento existe. Dixo Lisón Tolosana, antropólogo, nos 60: “Galicia contén o 50% de entidades de poboación de toda España”. Hoxe cantas temos? Iso é culpa dos galegos que marchamos. Beiras, no Atraso económico de Galiza, puña que todas as pragas da Biblia caían sobre Galicia. Falaba do Éxodo, dicía e di Beiras que os mellores galegos eran os que marchaban, aqueles que tiñan que facer a revolución. Cedo pode darse que na Habana exista unha colonia de cen mil galegos e na capital de Galicia, Compostela, noventa e seis mil.

Hai solución a medio prazo?

Só cun plan consensuado polos diferentes partidos e levado a cabo polos diferentes gobernos ao longo do tempo. Galicia necesita do rural, da industria, do mar… Pero Galicia non fixo unha reforma da propiedade e hai que facer un análise dos problemas: crise de poboación, políticas europeas en contra do mar. No canto deses problemas en Galicia non hai un dereito civil axeitado nin a administración ten a vontade suficiente de facerlles fronte.

Anuncios
Estándar

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s