Sin categoría

Conversa finita con Beiras, Xosé Manuel

Agros da Tenencia, Cornide de Arriba, Codeseira e Brañas do Sar. Son os nomes das fincas onde se ergueu a Escola de Veterinaria na primavera de 1903. Unha obra adxudicada ao contratista Xoán Bouzón Figueroa quen, grazas á mediación de Montero Ríos, investiu 1.237.394 pesetas en construir un edificio arredor do cal orbitaría o futuro ensanche compostelán. Hoxe é o 63 da rúa do Hórreo. O Parlamento de Galicia.

Unha facultade. Un pavillón militar para o II Batallón da Brigada Aerotransportable. Un monumento á solemnidade tantas veces esquecida na breve historia da autonomía. Da “autoanemia”, como adoita empregar o noso entrevistado.

Sobre as paredes tapizadas con frescos de Quessada e contra os teitos de sete metros resoan as intervencións dos deputados. Hai sesión de control ao goberno. Procuramos a oficina parlamentaria da Alternativa Galega de Esqueda (AGE) entre as portas dispostas a un lado e a outro dunhas corredoiras simétricas como un plano de Kubrick. O cuartel do exército “zapatista” galego na cámara.

No outono de 2012, a sala Capitol de Santiago acolleu un dos últimos mítines da coalición antes das eleccións autonómicas. Alí, os asistentes alentados polo actual candidato á alcaldía por Compostela Aberta, Martiño Noriega, ergueron o calzado: “Queda inaugurado o exército zapatista galego”. Imitaban unha escena de 1993 que tentarei evitar describir, por excesivamente estereotipada, dirixida a un ex de case todo como Gerardo Conde Roa. Nesa campaña estaba un tal Pablo Iglesias.

Dentro, un mostrador de madeira ofrece un exquisito catálogo para os fanáticos da prensa local. É un espazo luminoso, sobrio e funcional; dividido en varias estancias. Nunha traballa María, a secretaria persoal, quen xestiona a súa axenda.

 —Tedes que agardar uns minutos. Hai pleno e ten que votar— excúsase con amabilidade.
—Podemos ir ao salón de plenos?
— Non! Estamos castigados— responde María sorprendida pola pregunta.
—Castigados?
—E tamén o BNG. Unhas das nosas últimas convidadas increpou aos deputados e, dende aquela, non podemos acreditar a máis persoas ata que finalice este período de sesións. É normal, ter que aturar algunhas cousas que se din aí…

Quedámonos vendo a sesión polo sinal interno do Parlamento, nun televisor dun recuncho da sala. Intervén Yolanda Diaz (EU) na tribuna de oradores. Cargacontra a Xunta por non asistir aos traballadores afectados por un ERE de Telefónica en Coruña. Aberto o plano, non hai ninguén na bancada azul. A do goberno autonómico.

De súpeto, entra. Camisa azul escura e pantalón gris marengo. Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago de Compostela, 1936) descúlpase por ter que adiar uns vinte minutos a cita. Vai votar e volve axiña, di.

Mentres fala Consuelo Martínez, antiga deputada de AGE agora no Grupo Mixto, departimos cun bolseiro que colabora con Antón Sánchez, coordinador de Anova. Sona unha alarma, como nuns grandes almacéns:

 —Escoitastes? É a hora das votacións— explícanos.

Agora si hai ocupantes na ringleira do executivo. Feijóo achégase a Jesús Vázquez, o candidato do PP en Ourense. Beiras intercambia distendidamente algunhas palabras cos deputados do PSdeG situados o seu carón.

E regresa. Entra fugaz no despacho que corresponde ao voceiro parlamentario maldicindo palabras entre as que só acerto a entender “mecagüen…”. Desfaise da chaqueta e acomódase nun dos dous sofás cor verde escuro que, acompañados da bandeira de Galicia, dotan de presenza institucional á escena.

—Como foi o pleno?
—Pestilente.

Sobre a mesa, estende a caixa de tabaco e prende un cigarro.

—Cando eu volvín en mala hora a este parlamento, inmediatamente me decatei de que estaba moito máis deteriorado que na última época de Fraga, que xa é dicir. Pero nos dous anos e medios que van dende entón, a degradación foi a peor. Os nazis construiron un Estado totalitario a partires de suprimir os dereitos, os medios de comunicación e os partidos políticos, agás o nacional-socialista…
—Na presentación do número 100 d’A Trabe de Ouro, dixo que Pilar Rojo era máis fascista que Fraga.
—Si. E sobre todo, máis ignorante. Porque non sabe que é ser fascista. Estes reinventaron o partido único. Empregan a maioría absoluta para anular as posibilidades doutros representantes que non sexan do PP e o sometemento das empresas mediáticas para seguir o seu ditado.

“É o mundo patas arriba, como o libro Galeano”. Galeano, un amigo que o describiu en verso como un deses homes que dan prestixio á condición humana, que se crece no castigo. Acaba de cumplir 79 anos e adopta unha libérrima posición respecto á palabra oral. Cando voltou tras deixar o liderado do BNG en 2005, algúns cronistas escribían o regreso do “gigantón celta”. Con Beiras sempre fica unha historia por contar. Deu o discurso de constitución da lexislatura por ser o deputado con máis idade e en ausencia da presidenta, Pilar Rojo: “Teño que resistir a tentación de declarar disolta esta Cámara”. “Empurrado”, voltaba ao Pazo do Hórreo.  Ese pulo foron os 200101 votos e 9 escanos de AGE, dous por riba do Bloque, o beneprácito (non sempre convertido en voto) dunha sociedade que trala morte de Fraga estaba orfa de líderes de altura e un tratamento favorable de grandes grupos mediáticos como o Grupo Voz.

—Non. O que si é certo é que AGE era unha fórmula trangresora, traspasando a fronteira entre españolismo e nacionalismo. Por unha banda, abría un novo espazo. A xente estaba cansa dos compartimentos estanco. AGE era un estilo novo que perxudicaba máis ao BNG, non ao PSdeG— preguntado por se houbo “pinza” para perxudicar ao socialismo. Especialmente VTelevision tivo unha actitude con nós moi aberta e non debería chamar a atención.

O instrumento AGE funciounou, “a pesares detódolos inconvintes que se deron no seu espazo”. Mais a súa credibilidade como guía histórica do nacionalismo galego tamén foi cuestionada. Catro compañeiros desta revista cubrimos o congreso do BNG que nomeou a Xavier Vence como líder. O primeiro despois da crise de Amio. Non faltaron alusións indirectas a quen, durante os anos 90, facía bandeira de ser o único partido galego que non rendía contas a Madrid.

—Claro, pero non somos unha alianza con EU. Somos unha unidade de acción. Non sei se perdín credibilidade nese senso. Iso debe dicilo a xente. Esquerda Unida entendeu que con Anova era unha unión estratéxica. Un exemplo está nas municipais, nas que AGE non se reproduce a nivel local.

Publica El País que en abril do 99, durante un acto en Madrid, cando dirixía ao Bloque como segundo partido detrás do PP de Fraga, sinalou que a organización frontista nin copia a PNV ou CiU nin é independentista. Este días circulan polas redes algunha foto da época acompañado de Pujol. Eran os tempos do Galeuscat: “Impórtanme un nabo, hai que distinguir as relacións diplomáticas”.

 —A miña postura é a equivalente á que tivo Castelao nas eleccións da Fronte Popular en febreiro do 36—precisa.

Despois daqueles comicios de antes da Guerra Civil. Os máis conservadores do Partido Galeguista escindíronse para fundar a Dereita Galeguista. Aí estaban Risco, Otero, Filgueira Valverde e Beiras. Manuel Beiras. Seu pai. Un galeguista moi recoñecido en Compostela que forneceu ao fillo na querencia pola literatura e o coñecemento. Do seu tío oftalmólogo, Antón Beiras, provén a poderosa influencia da esquerda. Unha das súas irmás, Pepa, é candidata de Izquierda Unida en Huelva. “Filgueira, un colaboracionista co franquismo ao que seica lle dedican o Día das Letras, en vez de a Carvalho Calero, por exemplo” curiosamente, quen dá nome á biblioteca do Parlamento.

—Catro décadas despois, o Consello de Forzas Políticas Galegas, onde estaba a UPG, o PSG, o Partido Galego Socialdemócrata…— entre outras siglas propias da Transición— escribiu un documento por un pacto federal. Así se dixo na Asemblea Fundacional do Bloque en Riazor: “Institucións propias para exercer a soberanía, non Estado independente”. Ferrín, que daquela lideraba o PeGaPé (Partido Galego do Proletariado) quixo cambialo pero non se aceptou e saíronse. Eu son independentista dende os 13 anos pero hai que distinguir entre o que eu quero e o que en política se pode conseguir.

—Por que Galicia non está na situación de Cataluña?
—Porque somos unha colonia.
—É que non temos elites de noso? Un partido como CiU ou o PNV?
—Eso non é a causa, é o síntoma de que somos unha colonia— A idea do colonialismo interior está moi presente na súa obra máis famosa, o Atraso económico de Galiza, un ensaio que en poucas semanas rachou con tódalas expectativas de venda. Falamos da Galicia do 73. Unha tese repetida na Nación incesante e obxecto de moitas análises posmarxistas na segunda metade de século XX.

Seguimos conversando do café para todos e do proceso constituínte da Transición. “Un escamoteo, unha violación dos compromisos antifranquistas, especialmente do PSOE”, continúa cun ton maxistral, como se nunca abandonara a Universidade. Catedrático de Estructura Económica, decano en varias ocasións. Chegado no alborexar dunha USC que estaba absolutamente desprestixiada durante a década dos 50. Anos nos que a súa xeración xuntábase no Gran Café Español ao abeiro do mestre Otero e García-Sabell. Mozos como Ferrín ou Franco Grande. Encol á mesa camilla de Piñeiro en Xelmírez, 13, onde xermolou a editorial Galaxia.

En 1986, despois de 10 anos como membro numerario da Real Academia Galega, abandona o seu escano por discrepancias “culturais, ideolóxicas e políticas” coa dirección da RAG. O presidente era García-Sabell.

–Intente convencer á miña avoa para que vote por vostede nas seguintes eleccións— pregunto por cambiar a un terzo menos académico.
—Non teño tempo. Existe dende a Segunda Ilustración o fenómeno da alienación e os idearios do inimigo social, como os obreiros que votan á dereita. Hai que convencelos de que defendemos os seus problemas. E aínda así, todavía hai que vencer ao “estupefaciente”, como dicía Castelao. Un poder que impide ás persoas que observen a realidade tal como é; e eso precisa moita pedagoxía. Houbo moitos votantes do PP dese perfil sociolóxico que pasaron a votar ao Bloque.

E é certo. El Mundo relata a historia de Vilaboa (Pontevendra), unha aldea que entón contaba 1.039 veciños e onde os populares acadaron só 89 votos. O BNG dos noventa era a casa común dos universitarios, da cultura, dos da UPG e dos que non. O máis preto que estivo nunca, agora que está de moda Gramsci, da hexemonía.

—Nos 90 a dereita disparaba contra nós con armas obsoletas e nós saímos do exilio interior no que estaba o nacionalismo galego— fachendea—. Esa hexemonía racha cando unha organización de tipo ML (marxista-leninista) comeza a redeseñar as cousas por dentro porque ve que hai opcións de chegar á Xunta. E cando lecturas distintas, aínda que converxentes nun proxecto común que era o BNG, pelexan e convértense en lobbies internos, todo vai “al carajo”… Esa é a causa.
—Como a UPG?— organización comunista nada na clandestinidade e fonte de poder, aínda hoxe, dentro do Bloque.
—Non só a UPG. É como cando se di que a culpa de todo é de Paco Rodríguez. Non, el é como é. Pero se non houbera outros que lle facían o traballo nada sería así. Nos procesos colectivos hai moitos sectores.

IMG_2412

Circulan por Compostela algunhas lendas que o explican, como o nome da Facultade de Ciencias da Información, alcumada son sorna como “Beiras da Información”. Unha xornalista ourensá, antiga alumna súa, explicoume como recolleron sinaturas para pedir unha rectificación ao ABC, despois de informacións que apuntaban a que o profesor Beiras obrigaba aos estudantes a poñerse en pé cando entraba ou a cantar a Internacional.

Explica cadencioso, facendo levitar as mans mentres sostén o tabaco entre os dedos de pianista. Non responde. Narra. Menos cando entra Feijóo na conversa: “Macarra, ignorante..”.
—Antes Fraga que Feijóo?
—Non antes. Pero eu fixen diálogo institucional con Fraga. Hai un momento no que di “quero falar”. Mesmo chegou a dicirme que tiña graves problemas co seu partido en Madrid. Eu fun o deputado que lle fixen un retrato máis duro deste Parlamento. Unha cousa é o enfrontamento co teu adversario, ou co teu inimigo político. E outra é falar institucionalmente coa oposición. Sempre que non se cheguen a, como dicía Oskar Lafontaine, os “compromisos podres”.
—Chamouno el?
—El a min. Na sesión de investidura, tiñamos as “40 medidas urxentes” no Bloque, e ao rematar a súa intervención achegouse ao meu escano e pediumas. Tróuxoas moi ben estudadas na primeira entrevista.
—No Vilas?— nas mesas onde se sentaban Juan Pablo II ou Mick Jagger.
—Si, pero houbo un momento que lle dixen que xa estaba ben de xantar no Vilas. Que mellor en Monte Pío— a residencia presidencial que estaba a piques de rematarse— O primeiro era blindar as competencias exclusivas de Galicia ante o Estado, ter representación directa en Bruxelas, a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e finalmente que os proxectos das ciudades estiveran por riba dos grandes partidos. Esa foi a miña conversa con Fraga. Cando chegamos a un punto onde el non era quen de dar un paso máis, díxenlle que xa estaba ben. Estaba pagando tódolos custes. Inmediatamente chegou a catástrofe do Prestige e saltou todo polo aire. Fraga era un fascista, mais era un tipo con sentido de Estado, con formación política e que quería pasar á Historia como o presidente da Xunta que se redimiu defendendo os intereses de Galicia.
—Sentíao de verdade ou era unha estratexia electoral?
—Fraga quería eso. Podería demostralo porque teño bastante memoria aínda pero non estou para eso. Por exemplo, el aceptou unha reforma da Lei de Universidades do Estado para poñer un dique á invasión de competencias co Estado. Curiosamente, o PSOE puso paus nas rodas. Como consecuencia desas conversas con Fraga, en setembro de 2002 —dous meses antes do Prestige— esta Cámara aprobou de xeito unánime e por primeira vez a posición da pesca galega en Europa. Están nos arquivos do Parlamento. Non fixen ningunha concesión.

As cuitas dialécticas entre Fraga e Beiras, dunha altura intelectual superior á mediad o país, aceleran a sensación de  tempus fugit sobre o parlamentarismo actual: con eles na tribuna, calquera discurso pasado foi mellor. Con Feijóo non se pode falar, exclama. Aínda que se tivese un xesto como o do Fraga… “Entón si, mais non o vai ter”.

—Gustaríame que se mirara dende fóra. Que exemplo cre que dá no Parlamento?
—O único que sei é o que me di a xente. Xa sei que eles [polo PP] dirixen a propaganda ao seu electorado. Mirade, acusáronme de terrorista, chegaron a sair titulares en Faro de Vigo como “Os negocios de Beiras” por un paquete de participación en Televés, a empresa do meu tío Amador. Eu nunca fixen política pechado no Parlamento. Saben que razono, que son dialogante. E, aínda así, a xente dime “Señor Beiras, hai que dar máis caña”. Digo o que moita xente non pode. Non estou aquí para gañar maiorías a calquera prezo.
—Quen do seu círculo é máis crítico con vostede?
—Ninguén, lamentablemente. Os compañeiros  de AGE e Anova cóidanme, dinme que tiña que estar na casa descansando cos meus libros. Téñenme moito cariño. Cometo erros? Claro que si— e sostén que nunca gustou de ter un círculo de íntimos, “un aparato de poder propio”, alí onde militou.

Perde poucas ocasións de dicir que está peso de volver ao salón de plenos. Entra María no despacho: “Son e media”. A conversa, finita, esmorece: “Hai que acabar, eh”.

–Fracasei no proxecto AGE, fracasei… Igual que tentar que o BNG continuara na liña dos 90. Eu tiven moitos fracasos. Son membro dunha xeración derrotada. Se eu fago balance dende o ano 85 que entrei de deputado, no canto de dedicarme á economía, a miña verdadeira vocación, tería feito traballos menos efímeros que esta cousa chamada política. Con todo, non me arrepinto de nada. Actuei en consonancia co que pensaba, con bo humor, mantendo unha relación amorosa, cos meus fillos, cos meus amigos… Que coño! Aí está.
–Perdeu amigos en política?
–Si, claro— e pregunta Iván por Luis Eyré, amigo persoal e representante dos críticos en Anova— Seguimos falando pero foi unha relación traumática. Cando máis precisaba do seu apoio, discreparon e crearon un problema. Pero non por eso deixei de ser amigo seu. Outros dese sector si. Porque eses ian a outra cousa. Nunca fun fiscal, nin xuíz, nin rancoroso.

Cuarto e derradeiro cigarro.

—Valen os intelectuais para a política?
—Si, pero como tal non valen nada. Teñen que verter o seu patrimonio na metodoloxía do traballo político.

“Agora teño que irme”. Non se fale máis.

[A recámara:
—Que está a ler?
—A tradución en galego do Ulises de Joyce.]

Fotografías e vídeo: Ivan Olmos
Edición: Virxinia Martínez

Anuncios
Estándar